Thursday 31 de October de 2024

Ordes aproba uns orzamentos para 2015 de 8.500.000 €


O goberno local defíneos como “prudentes, rigorosos e útiles”. Intervención fala dunhas contas equilibradas que manteñen os servizos esenciais, con especial atención aos colectivos máis desfavorecidos

Esta mañá o Concello de Ordes aprobou os seus orzamentos para o exercicio 2015. Unhas contas que ascenden a algo máis de 8.500.000 € e que dende o goberno local foron cualificadas como “prudentes e rigorosas” á par que “útiles”, mentres que o departamento de Intervención aplicou o cualificativo de “equilibradas”.
As liñas fundamentais destes céntranse no mantemento dos servizos esenciais, con especial dedicación aos colectivos máis desfavorecidos. Tamén pola sustentabilidade dos servizos municipais fundamentais, o mantemento dos créditos destinados ás políticas sociais, emprego e fomento económico. Por último destacan os investimentos produtivos en estradas, mellora da eficiencia enerxética e saneamentos. Increméntanse as partidas destinadas a políticas sociais, entendéndoas como a suma das dedicadas a gastos sociais, educativos, culturais e deportivos.
Mención á parte merece o grande esforzo que se está a realizar en eidos como a diversidade funcional, así como a atención ás persoas que máis o necesitan (discapacidade, vellez, igualdade de xénero, atención temperá, emerxencias sociais etc). Unhas actuacións que prioritariamente se desenvolven a través da Mancomunidade de Ordes.
Silvia Marín, voceira do equipo de goberno, cualificou de exemplar a ansia de avance, crecemento sostible e calidade na prestación de servizos en investimentos como o centro de emprendedores, partidas especiais para o desenvolvemento do comercio local, a mellora da praza de abastos e a inclusión de Ordes na área de transporte metropolitano de Santiago e A Coruña. Marín tamén confía en poder aumentar as cifras para servizos sociais ao longo dos vindeiros meses, en base ás achegas doutras administracións públicas grazas a subvencións e convenios.
Unha confianza compartida co voceiro socialista, Xesús Pedreira, quen condicionou o seu apoio a estes orzamentos á aprobación de cada un dos puntos mencionados anteriormente. No caso do pavillón Campomaior demandou a instalación de gradas, o arranxo da zona perimetral e da pista, entre outros aspectos. Nas negociacións previas os socialistas ordenses tamén viron prosperar as súas peticións para a mellora e arranxo de viais e camiños, como é o caso do tramo Sta Cruz-Fosado, que fora descartado no seu día do POS 2015, ademais do tramo da vía que une as parroquias de Lesta con Mercurín.
No tocante aos investimentos importan un total de 1.143.000 €, destacando as obras de mellora na rede viaria, os saneamentos e abastecementos, o alumeado público para conseguir un maior aforro enerxético e os investimentos en instalacións. Todo iso cumprindo co plan de axuste que o Concello, unha vez máis, respecta satisfactoria e rigorosamente. Grazas a iso pódese falar dunha redución considerable da débeda, que se estipula en 4,6 millóns de € fronte aos 6,3 millóns de € de finais de 2013.
Na votación final tanto UXO como PSOE emitiron o seu voto a favor, fronte á negativa do BNG e do PP e a abstención de CIdGA.